Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘Internacional’ Category

Cambian os países, a duración, as vivencias, os idiomas ou as culturas. Pero resulta difícil, moi difícil, atopar universitarios que estudaran fóra do seu país cunha bolsa Erasmus e non falen marabillas da súa experiencia. Por algo será…

O programa Erasmus púxose en marcha en 1987. Desde aquela, miles de mozos e mozas tiveron a oportunidade de realizar unha parte dos seus estudos noutro país europeo grazas a esta bolsa, galardoada en 2004 co Premio Príncipe de Asturias á Cooperación Internacional.

¿Por que ser Erasmus?

Para moitos esta bolsa adoita ser sinónimo de festa, quizais por iso en moitas facultades hai patadas por conseguir unha delas. Poucos ocultan a súa intención de pouco menos que tomarse un ano sabático no referido ós estudos, ou polo menos aforrarse parte do traballo que terían na súa universidade de orixe. Así o confirma Andrea Rodríguez, unha estudante de 2º de Xornalismo da USC que en outubro comezará a súa aventura Erasmus na Università degli Studi di Pisa: “Un dos motivos polo que decidín solicitalo foi para librarme do 3º curso infernal do que falan os compañeiros… E tamén para subir a media”. Pero non é nin moito menos o único motivo: “Quero viaxar, coñecer xente, aprender un idioma e especialmente vivir a experiencia e poñerme a proba vivindo noutro país”.

Andrea cursará 3º de Xornalismo en Pisa

Andrea cursará 3º de Xornalismo en Pisa

“Foi o mellor ano da miña vida”

Todo parece indicar que o cumprimento das expectativas de Andrea está practicamente asegurado. E aínda máis cousas se poden conseguir con esta experiencia. “O máis importante é que me cambiou en moitas cousas, era unha nena, e convivindo e coñecendo a outras persoas entendín quen son e qué é o que quero”. Así resume Valeria Bogongiali, unha rapaza pisana que se expresa en castelán practicamente perfecto, os 9 meses que pasou como Erasmus na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC durante o curso 2006/2007. “Foi o mellor ano da miña vida”.

E é que se a marcha e as novas amizades son unha parte fundamental desta experiencia, o feito de coñecer outras culturas e costumes é outra. “Vivía con 5 persoas máis: dous italianos, unha española, un francés e un belga, e coñecer a xente tan diferente fíxome cambiar moito” explica Valeria. “Gustábanme moito os horarios españois: cenar ás 11, estudar na biblioteca ata as 3, ¡saír de festa ata as 8!”, cousa que lle chama especialmente a atención, xa que en Italia a hora de cear é as 7 da tarde e ás 3 da mañá xa non quedan discotecas abertas. Contrastes culturais ós que non custa acostumarse.

Valeria garda un recordo inmelorable da súa estancia en Santiago

Valeria garda un recordo inmellorable da súa estadía en Santiago

En busca do lado negativo

Andrea xa empeza a pensar no peor de marchar de Erasmus: “Espero que mereza a pena, pero agora que se achega o momento e teño que empezar a preparar as cousas dáme moita mágoa… Vou botar moitísimo en falta á miña familia, ós meus compañeiros e amigos”. É a sensación máis frecuente antes de marchar, pero resulta moi probable que pronto esqueza a mágoa. De feito, a Valeria cústalle atopar algo cando se lle pregunta polo peor de ser unha Erasmus: “O peor de Santiago… a choiva. Pero falando do Erasmus non me sae nada, ¡síntoo!”.

Algúns apuntan a problemas coma a lingua ou a falta de información por parte dos coordinadores, pero estes problemas rematan por converterse en secundarios.

Así, xunto con Andrea, multitude de mozos serán Erasmus no curso 2008/2009 e nos sucesivos. E cando pasen esta vivencia, uniranse á longa lista dos que, como Valeria, lembran o ano Erasmus coma unha das mellores experiencias da súa vida.

Para máis información sobre o programa Erasmus:

http://ec.europa.eu/education/programmes/mundus/index_es.html
http://es.wikipedia.org/wiki/Beca_Erasmus
http://www.oapee.es/pap/erasmus.html

Reunión de estudantes Erasmus

Reunión de estudantes Erasmus

Advertisements

Read Full Post »